Friday 19 de April de 2024

As ONGD galegas dánse cita no curso de especialización en financiamento europeo da Fundación Galicia Europa


— O programa formativo TecEuropa remata a súa primeira edición destinada á formación e capacitación especializada dos axentes galegos de cooperación, como parte do compromiso adquirido polo Goberno galego no IV Plan Director da Cooperación Galega

— A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, remarca a importancia da labor das ONGD galegas como exemplo da mellor solidariedade galega e europea

A Fundación Galicia Europa clausurou hoxe a XIV edición do seu curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, a primeira destinada á formación e capacitación especializada dos axentes galegos de cooperación, así como a facilitar o seu acceso a novas fontes de financiamento internacional, como parte do compromiso adquirido polo Goberno galego no IV Plan Director da Cooperación Galega

Durante a súa intervención no acto de clausura, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, quixo poñer en valor o traballo destas entidades. Un traballo que, como asegurou, cobra aínda máis importancia no contexto da recuperación tras a pandemia e fai gala da mellor solidariedade galega e europea.

Ao longo de cinco sesións, máis de 40 representantes de organizacións galegas para o desenvolvemento puideron coñecer, da man de especialistas e representantes da Comisión Europea, as diversas accións comunitarias postas en marcha no marco da cooperación ao desenvolvemento e da axuda humanitaria, con especial fincapé na cooperación en América Latina e nos países africanos de fala portuguesa, así como coñecer máis sobre as fontes de financiamento existentes a nivel europeo en ambas zonas xeográficas.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de 14 edicións á formación de máis de 490 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.